sábado, 16 de mayo de 2009

O PSOE de Manzaneda supedita o futuro do pacto á saída de Núñez

Os secretarios comarcais de ambos os partidos reuniranse a próxima semana para renegociar o bipartito.

As nulas relacións existentes entre o alcalde nacionalista de Manzaneda, Antón Núñez, e o seu socio do PSOE Herminio Cereijo, puxo na corda frouxa a continuidade do pacto de goberno. Tras o pleno do pasado xoves, no que ambos acudiron á sesión sen acordar o nome do terceiro candidato a entrar na mancomunidade, polo que non chegaron a acordo; Cereijo asegurou que supeditaba a continuidade do bipartito á dimisión de Núñez.«

Ten unha forma de actuar prepotente e, visto ou visto, non hai arranxo», mantiña onte Cereijo. Sobre todo despois de que Núñez sexa imputado polas cartas ameazantes que recibiu o socialista nos últimos meses. «Non vou estar coaligado con xente que me fixo terrorismo, porque pasei un ano horrible», recorda.

Fronte ás pretensións do aínda tenente alcalde, Núñez aseguraba non ter entre os seus plans o de presentar a dimisión. «¿Por que vou dimitir, por estar vivo?», preguntábase, para despois engadir que «non teño que pedir perdón a ninguén por estar vivo».

Os partidos.

Como a comunicación entre eles non existe, ambos recoñeceron haberse posto en contacto coas súas respectivas formacións a nivel provincial para trasladarlles a situación. E ambos terán reunións coas direccións dos partidos nos próximos días.

No caso de Cereijo a cita será o luns. Nela estará o secretario provincial do PSOE, Eladio Fernández, e non se descarta a presenza de Pachi Vázquez. Alí Cereijo exporá que non tería ningún problema en seguir co bipartito, «porque eu co resto de concelleiros non tiña ningún problema; sempre que non estea Antón». E engade: «Vou explicar o que hai e o partido terá que decidir, pero o que está claro é que eu non vou gobernar con este señor».

¿E se o partido non acepta, haberá moción de censura aínda que sexa declarado tránsfuga? «Creo que hai outras saídas antes, que a moción é a última delas; pero se hai que facela, faise. E daquela do partido non me vai botar ninguén, porque marcho eu antes», aseguraba onte. Aínda así, Cereijo considera que o bipartito aínda ten futuro, pero que este pasa por «que os partidos negocien». Non pide a alcaldía. «Apoiaría a outro alcalde do BNG, pero non o que está», di tallante.

A confianza en que o pacto non rompa tamén chegaba desde as filas nacionalistas. A secretaria comarcal, Montserrat Nóvoa, recoñecía que a situación entre os socios non é a adecuada e anunciaba que o tema será debatido de «inmediato» cos concelleiros e a militancia de Manzaneda. Iso si, avanzaba que a idea será a de «manter ou pacto». Nóvoa non quixo entrar a valorar a condición posta por Cereijo sobre a dimisión de Núñez. «Creo que ningún partido debe falar de quen considera bo do outro para o posto, iso é algo que nos corresponde a nós», resolveu.

A próxima semana exponse como decisiva.
Fuente: La Voz de Galicia, 16 de Maio

No hay comentarios:

Publicar un comentario